Corchete

        

 

Por segundo ano consecutivo, o Restaurante A Curtidoría de Santiago de Compostela organiza en colaboración con ACEGA o

CONCURSO DE SOBREMESAS SEN GLUTE

Vos animamos a participar demostrando a vosa creatividade na cociña sen glute. O premiado en primeiro lugar recibirá unha amasadora Kitchen Aid e, o segundo premio consistirá nun xantar/cea para 4 persoas no Restaurante A Curtidoría.

 


Podedes consultar as bases do concurso a continuación:

O Restaurante A Curtidoría en colaboración coa Asociación de Celíacos de Galicia (ACEGA), organiza por segunda vez o CONCURSO DE SOBREMESAS “sen glute” A Curtidoría. O certamen terá lugar o martes 26 de maio dentro das actividades programadas con motivo da celebración do Día Nacional do Celíaco.

 

BASES

1. OBXECTO DO CONCURSO

O obxectivo deste concurso é seleccionar a mellor sobremesa elaborada con productos sen glute.

 

2. PARTICIPANTES

Pode aspirar a este premio calquera persoa que, ao termo do prazo das inscricións, teña cumpridos os 18 anos de idade.

 

3. INSCRICIÓNS

As persoas interesadas en participar neste concurso deberán realizar unha inscrición previa antes do día 25 de maio ás 22:00 h.

A inscrición realizarase por correo electrónico ou de forma presencial en A Curtidoría ( Rúa da Conga, 2-3, 15704 Santiago de Compostela).

As persoas interesadas enviarán un correo electrónico a: info@acurtidoria.com cos seus datos persoais: nome, apelidos, DNI, correo electrónico, teléfono de contacto, receita da sobremesa que van presentar e foto da mesma.

 

4. REQUISITOS

As sobremesas presentadas ao concurso non deberán conter entre os seus ingredientes productos con glute. Para xustificar o emprego deste tipo de productos especificaranse nos ingredientes as marcas usadas.

As sobremesas deberán presentarse nunha cantidade mínima para 2 persoas, listas para a súa degustación e en perfectas condicións de consumo.

Admitirase uha sobremesa por inscrición.

As sobremesas presentadas serán cedidas para a súa degustación pública que terá lugar despois de que o xurado emita o seu fallo.

 

5. PRESENTACIÓN AO CONCURSO

A presentación das sobremesas ao concurso terá lugar o día 26 de maio, ás 17:00 horas no restaurante A Curtidoría na Rúa da Conga.

Os participantes deberán entregar as súas sobremesas puntualmente.

 

6. XURADO E FALLO

O xurado estará formado por cinco persoas elixidas por A Curtidoría e a Asociación de Celíacos de Galicia, que designará ao presidente/a do mesmo. Cada membro do xurado puntuará por separado cada unha das sobremesas presentadas. Para iso, valorará o sabor, a presentación, a orixinalidade e a complexidade da elaboración da sobremesa.

A puntuación establecerase sobre un total de 10 puntos: otorgaranse ata 6 puntos por sabor, 2 por presentación, 1 por orixinalidade e 1 por complexidade da elaboración.

Do resultado da suma das distintas puntuacións ( sabor, presentación, orixinalidade e complexidade de elaboración) obterase o nome da persoa gañadora. No caso de que se producese un empate, o/a presidente/a do Xurado terá o voto de calidade.

O fallo do xurado será inapelable. O premio poderá quedar deserto.

 

6. PREMIO

O concurso está dotado dun primeiro premio que consistirá nunha amasadora Kitchen Aid.

Haberá un segundo premio consistente nunha cea/xantar para 4 persoas no Restaurante A Curtidoría.

O premio entregarase no mesmo lugar da celebración do concurso, ao finalizar o mesmo.

 

7. ACEPTACIÓN DAS BASES

O feito de participar no presente concurso supón a plena aceptación do contido destas bases.

Estes datos serán tratados por A Curtidoría coa finalidade da xestión das solicitudes.


Separador